Xunto aos espacios naturais, os pobos da provincia constitúen outro gran atractivo turístico. Moitos deles conservan os seus costumes ancestrais intactos, a súa artesanía, recunchos cargados de historia e unha gastronomía de elaboración sinxela pero sabor gratificante.
Montefrío, no Poñente granadino, está formado por un fermoso conxunto de casas brancas delimitadas por templos e coroadas por unha impresionante pena que sostén o castelo musulmán. Preto da poboación, na Pena dos Xitanos, o home prehistórico legou á provincia un dos seus maiores tesouros arqueolóxicos: decenas de dolmens megalíticos rodeados de espléndidas praderías. Na mesma comarca, destaca Alhama de Granada, que se asoma dende a súa impresionante garganta, e Loja, cun rico patrimonio monumental tanto musulmán como renacentista.
Decenas de pequenos pobos brancos, de empinadas e estreitas rúas empedradas, conforman a Alpujarra, unha comarca privilexiada, que se espalla polas ladeiras de Serra Nevada. Illada durante séculos polas montañas, ofrece ao visitante terras case virxes por percorrer, a posibilidade de gozar das súas particulares festas, coñece-lo seu complexo pasado árabe, degusta-la súa contundente gastronomía montañesa e aprecia-la hospitalidade das súas xentes sinxelas. Lanjarón, pobo famoso polas súas augas e o seu balneario, é a porta a esta sorprendente terra de agrestes paisaxes. O barranco do río Poqueira é un dos principais destinos turísticos da zona. Compóñeno os pobos de Pampaneira, Bubión e Capileira, onde existen, como no resto da comarca, diversos aloxamentos rurais.
Xunto á Alpujarra atópase o fértil Val de Lecrín. As plantacións de laranxeiras e limoeiros perfuman o aire en primavera dun embriagador aroma a azar. Antigos muíños de fariña, castelos musulmáns e casais con encanto salpican esta tranquila e luminosa comarca. Ademais das maiores poboacións, como Padul e Dúrcal, multitude de pequenos pobos se mergullan entre froiteiros, oliveiras, amendoeiras, viñedos e cereixos: Albuñuelas, Restábal, Melegís, Talará, Mondújar... Por moitos dos seus termos municipais pasa o GR-7, unha senda de longo percorrido que une Andalucía con Grecia e que na provincia se bifurca para atravesa-la Alpujarra e o Val de Lecrín.
![]() |
![]() |
![]() |
A comarca do Altiplano, ao norte da provincia, elévase ata unha altitude de mil metros sobre o nivel do mar. Esta sorprendente zona destaca pola contraste das súas paisaxes. Rodeada por varias serras, o centro está ocupado por una gran chaira, case desértica, salpicada por cultivos e oasis xunto aos ríos. O desgaste da terra creou neste lugar un mar de caprichosas torres aguzadas que se tinguen ao atardecer dunha atractiva cor vermella intensa. As evidencias arqueolóxicas achadas corroboraron aos científicos que nesta zona, entre as localidades de Baza e Orce, habitou hai un millón de anos un dos máis antigos predecesores do home europeo.
A paisaxe da comarca de El Marquesado é tamén árida, pero fermosa. Presenta dende extensións semidesérticas de aparencia lunar ata pequenos outeiros que medran no horizonte para alcanza-los cumes de Serra Nevada. A principal poboación da comarca é Guadix, que alberga o maior barrio troglodita de Europa, onde máis de 3.000 familias viven aínda en covas, pero agora con tódalas comodidades. O pobo mineiro de Alquife e as pequenas localidades de Jérez del Marquesado, La Calahorra, Purullena e La Peza proporcionan grandes posibilidades ao turista rural.