En apenas
13.000 quilómetros cadrados de extensión, a provincia de Granada atesoura
unha inimaxinable cantidade e variedade de atractivos turísticos:
A
Alhambra, un dos monumentos máis visitados de España e un dos máis
fermosos do mundo; unha das mellores estacións de esquí de Europa
atópase en Serra Nevada; e, a uns 75 minutos en coche, pódese trocar a
neve polas praias da Costa Tropical, que goza de envexables temperaturas
durante todo o ano.
É esta diversidade de climas, paisaxes, productos e recursos a que permite cualificar a provincia de Granada de continente turístico. As posibilidades son múltiples en calquera época do ano: turismo cultural e monumental, rural e activo, de neve e deportivo, de sol e praia, de congresos e incentivos, de lecer, de aprendizaxe de linguas...
A cidade de Granada enfeitiza ao visitante coa súa historia e monumentos. Ofrece un calendario cultural de primeira orde, moitas festas e tradicións e un animado ambiente propiciado polos máis de 65.000 estudiantes matriculados na Universidade de Granada.
Para os amantes da natureza e do turismo rural, a provincia alberga cinco parques naturais e un parque nacional. A paz e a tranquilidade que se respira nos pequenos pobos da Alpujarra invitan ao visitante a ficar para sempre. As zonas do interior, coma o Marquesado e o Altiplano, ofrecen o incrible contraste de paisaxes desérticas, de aparencia case lunar, coa frondosa vexetación das serras que os rodean.